XORNADA XOGUETES E ENREDOS TRADICIONAIS NO CAMIÑO DE SANTIAGO 18/07/2026

O Ecomuseo Forno do Forte de Buño acolle a xornada Xoguetes e enredos tradicionais no Camiño de Santiago, organizada pola asociación de veciños O Quinteiro de Buño. Achégate cos pequechos e maiores, vai ser unha xornada de aprendizaxe e de xogo!

  • Evento: Xoguetes e enredos tradicionais no Camiño de Santiago.
  • Finalidade: xornada de divultación cultural do xogo tradiciona, os enredos naturais e a súa relación co Camiño de Santiago.
  • Día e Hora: sábado 18/07/2026 ás 11:30 h.
  • Duración: 2 horas
  • Lugar: Ecomuseo Forno do Forte (Buño)
  • Xoga e Participa: Ao final haberá xogos tradicionais para todos, actividade dinamizada pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.
  • Outra info: entrada libre e de balde ata completar aforo.

Na xornada presentarase o proxecto de investigación “Xoguetes e enredos tradicionais e sustentables no Camiño de Santiago: circulación de enredos con materiais da natureza”, liderado por Apolinar Varela, da Universidade da Coruña e membro do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego. O proxecto está financiado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, no marco da IX Convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións.

A investigación analiza a difusión, circulación e transformación dos xoguetes e enredos elaborados con materiais da natureza —madeira, canas, pedras, follas, vimbio ou cunchas— ao longo do Camiño Francés e nos seus espazos de encontro, como albergues, prazas, feiras ou obradoiros. O obxectivo é poñer en valor o patrimonio lúdico asociado ao Camiño e a súa relación coa memoria, asustentabilidade e o territorio.

Durante a actividade presentaranse tamén avances preliminares do traballo de campo realizado entre o16 e o 24 de xuño en distintas localidades do Camiño Francés, como Roncesvalles, Pamplona, Puente la Reina, Logroño, Belorado, Sahagún, Astorga e Sarria. Nesta primeira fase realizáronse entrevistas a axentes locais, persoas expertas e peregrinas/os, así como rexistros audiovisuais vinculados aos xoguetes e enredos naturais documentados na ruta.

O proxecto conta coa colaboración de integrantes do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, como Xosé Manuel García e Xosé López, do Recuncho das argalladas, e da Asociación Galega do Xogo Populare Tradicional, con Manuel Rodríguez “Charrancas” e Francisco Veiga. No equipo investigador participan tamén Silvia López-Gómez, da Universidade de Santiago de Compostela, e Manuela Vázquez-Coto, do Instituto Español no Sahara.

Ademais, presentarase o libro Patrimonio lúdico galego: investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais, unha obra orientada á difusión e valorización dos xogos tradicionais galegos.

A xornada completarase coa proposta “Xogos tradicionais para todo o mundo”, dinamizada pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, co obxectivo de achegar o patrimonio lúdico á cidadanía dunha maneira participativa, inclusiva e interxeracional.

A actividade está aberta ao público de todas as idades e busca converter o Ecomuseo Forno do Forte nun espazo de encontro arredor do xogo, a memoria, a cultura popular, a sustentabilidade e o Camiñode Santiago.