II FESTIVAL FOLK O QUINTEIRO DE BUÑO 07/08/2026

A música folk e tradicional é unha das señas de identidade da Comarca de Bergantiños; no Concello de Malpica latexa con forza grazas ás asociacións culturais, especialmente en Xornes, Mens, Cerqueda e Malpica. Os que xa peiteamos canas lembramos o Festival Celta de Leiloio como referente da efervescencia da música folk e celta que viviu este país a finais dos anos noventa, pero dende a súa desaparición ningún formato de festival semellante ocupou o seu lugar no noso concello.

A do 2026 é a segunda edición do festival. Animados pola boa acollida do ano pasado era obrigado e ilusionante repetir un evento que cremos con moito potencial para consolidarse como cita obrigada para seguidores da música tradicional galega.

E como nada dá máis fame que bailar toda a noite, apúntate á CHURRASCADA POPULAR:

  • Prezo: 15 € a pagar o día do festival.
  • Menú: churrasco, pan e viño.
  • Inscrición: non necesaria.

Os Enxebres de San Lázaro é un cuarteto tradicional fundado neste barrio compostelán nos 50 do século XX. A actual formación, que a modo de homenaxe, colle o nome docuarteto orixinal, busca levar os ventos santiagueses da gaita e das voces alá onde vaia, con vocación de servizo ao baile e ao cancioneiro do País.

O seu repertorio mistura as cantigas dos coros históricos do folclore galego (Cantigas e Agarimos, Toxos e Flores, Cántigas da Terra, Coral De Ruada…), foliadas e pandeiretadas que se combinan con pezas instrumentais da comarca de Compostela.

Actualmente, o grupo intégrano Xan Ferrás, Toño Vidal, Manuele Pardo e David Canto, todos eles ligados tamén á tradición musical da xa ben coñecida Rúa San Pedro, a través dos Estalotes.

A música tradicional é un tesouro que cómpre conservar”. Con esta máxima, o vindeiro 7 de agosto, Os Melidaos chegan a Buño para ofrecernos un concerto no que a gaita e a voz se converten nas protagonistas dunha auténtica festa da música tradicional galega.

Nados en Melide no ano 2001, levan 25 anos defendendo e divulgando o noso patrimonio musical cun estilo propio, baseado no respecto pola tradición e na emoción de compartir co público as melodías que forman parte da nosa identidade.

O seu repertorio combina pezas tradicionais, recollidas de campo e composicións propias, convidando sempre ao baile, ao canto e á celebración.

A súa traxectoria foi recoñecida con importantes distincións, entre elas o Premio Martín Códax da Música Galega 2024, o Premio Xabier Prado Lameiro 2025 e a Medalla de Ouro do Concello de Melide, coincidindo co seu 25 aniversario.

Unha oportunidade única para gozar dunha das formacións máis destacadas da música tradicional galega e celebrar, entre todos, o orgullo polas nosas raíces. ¡Non faltedes!

Son vellos coñecidos polas tascas e festas do concello, de feito algúns son veciños de Buño,

Arrancadeira é un grupo que leva no seu ADN a esencia da música tradicional da comarca. Co seu dinamismo e forte vinculación ás súas raíces, destacan por transmitir a enerxía máis pura da foliada e conectar de inmediato co público desde as primeiras notas.

No seu repertorio abundan pezas de transmisión oral, muiñeiras, ribeiranas, xotas e pasodebres pensados para facer cantar e bailar a todo o recinto.

Unha actuación cargada de identidade local, ritmo de raíz e bo ambiente que garante unha auténtica foliada atlántica no festival!