ECLIPSE COA “MÁQUINA DE METER MEDO”

O próximo 12 de agosto terá lugar o eclipse total de sol. En Buño, como en parte do país, somos afortunados de poder velo na súa totalidade. A nosa asociación non quixo deixar pasar a oportunidade de celebrar tan singular evento con toda a veciñanza e visitantes.

Para acompañarnos na experiencia contaremos con outro acontecemento moi peculiar, “A MÁQUINA DE METER MEDO“, dúo de zanfoñas con música electrónica que crearán unha atmósfera misteriosa, hipnótica e onírica moi propicia para a ocasión.

  • Nome do Evento: CONCERTO DE A MÁQUINA DE METER MEDO
  • Lugar: CAMPO DA CULPA (Rúa Boavista en Buño) – ver mapa
  • Horario do concerto: día 12/08/2026 de 19:30 h. a 20:30 h aprox.
  • Aparcamento: evitar aparcar nas rúas do barrio da Costa e Campo da Culpa a menos que sexas residente.
  • Este evento non é un acto de interpretación astronómica nin do eclipse.
  • NON se entregarán gafas para o visionado do eclipse, recomendamos seguir os consellos oficiais para a súa adquisición e utilización.
  • Haberá servizo de bar.
  • Entrada libre ata completar aforo delimitado pola organización.

A Máquina de Meter Medo é un dúo galego especializado na zanfoña, instrumento que o grupo reivindica e moderniza con personalidade propia. Formado por músicos cunha longa traxectoria no eido da música tradicional, o dúo destaca pola súa capacidade para combinar o son ancestral da zanfoña con ritmos contemporáneos mediante a introdución de bases rítmicas electrónicas. Crean así atmosfera poderosa, hipnótica e chea de enerxía que non deixa indiferencia.

O seu estilo bebe das músicas de raíz galega, das danzas antigas e das melodías populares transmitidas de xeración en xeración, lévannos a unha viaxe na que resoaban os cantos de cego polas feiras de todo o país. Mais lonxe de ser un proxecto purista, A Máquina de Meter Medo aposta por unha interpretación viva, fresca e festiva, que transforma cada actuación nunha experiencia colectiva: música que se sente, que se move e que conecta coa memoria cultural do país.

Co paso dos anos convertéronse nun referente das festas, romarías e encontros culturais, levando a zanfoña a novos públicos e demostrando que este instrumento pode ser tan vibrante e actual como calquera outro.