EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA, “BUÑO NA MEMORIA, AS NOSAS FESTAS”

A Asociación de Veciños O Quinteiro de Buño é consciente da importancia de recuperar e conservar a memoria histórica do pobo. É así que durante o 2024 iniciamos un proceso de recompilación e impresión de fotografías ilustrativas do pasado da vila; un pasado vivo no cal Buño era unha vila de referencia comercial e de ocio para as poboacións da área de influencia. Para a xente maior é unha delicia poder colaborar aportando as súas instantáneas e explicándoas, e a xente nova aprende dun pasado moi diferente, moito máis humilde pero no cal as relacións humanas eran moito máis próximas.

“Buño na Memoria” é un proxecto vivo, e con ánimo de medrar con cada edición para acadar unha gran colección de fotografías representativas da historia de Buño.

A edición do 2024 foi coa temática das festas do pobo. Fixemos un chamamento aos asociados e asociadas para que nos cedesen en préstamo as imaxes que tivesen de festas e procesións en Buño. Logramos recopilar unha gran cantidade de fotos das cales escollemos 20 para imprimilas en gran formato e exhibilas no marco das festas de Santo Antonio e Santa Filomena. A iniciativa foi moi ben acollida, sobre todo pola xente maior que puido rememorar como se divertían de mozos bailando ao son dos pasodobres ou en procesión tras a figura de Santa Filomena. Tamén espertou a curiosidade da xente nova, pois puido aprender sobre o pasado da vila da man dos seus protagonistas, a xente maior do pobo quenes describiron o contexto das imaxes e revelaron as identidades dos fotografados.

2 comentarios en “EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA, “BUÑO NA MEMORIA, AS NOSAS FESTAS”

Os comentarios están pechados.