BANDA MUNICIPAL EDUARDO PONDAL DE PONTECESO

Nas verbenas que desfrutaban os nosos pais e avós nunca faltaba unha banda de música tradicional, bailar os pasodobres ao seu son era obrigado e facía as delicias de toda a mocidade. A nosa asociación quere recuperar a maxia daquelas xuntanzas de veciños con músicos locais formados nas escolas de música do propio concello ou vilas próximas.

Os veciños e veciñas de Buño sempre apreciaron este xénero musical e era unha antiga reivindicación poder desfrutar de novo deste tipo de formacións. É por iso que, no marco das Festas de Santa Filomena, contamos coa Banda Municipal Eduardo Pondal de Ponteceso que fixo as delicias de tódolos asistentes á sesión vermú; seguramente repetiremos para o próximo ano.