MAGOSTO 2024 CON CELSO FERNANDEZ

O contacontos e poeta Celso Fernández Sanmartín ten unha especial conexión coa xente maior, quizais sexa porque é capaz de facernos viaxar a unha Galicia que a xente nova xa non lembra, uns contos e historias do tempo dos nosos avós e avoas. Quizais sexa porque Celso traballou durante dez anos na residencia de maiores de Lalín, onde probablemente forxou a comprensión dun tempo pasado grazas aos seus auténticos protagonistas, grazas a aqueles que o viviron.

Á nosa asociación preocúpalle moito a falta de entretemento para maiores e nenos, foi así que decidimos contratar a Celso para celebrar o Magosto 2024; porque conecta de súpeto tanto con uns coma con outros. E foi un acerto: para o evento escollemos o Ecomuseo do Forno do Forte (lugar idóneo para conectar co pasado oleiro) e ao empezar a sala xa estaba ateigada de xente. Foi unha mañá de risas a esgalla e de encontros entre veciñanza e forasteiros de tódalas idades.

Xa pola tarde, antes da celebración do Magosto, foi o momento dos xogos tradicionais: a Comisión de Cultura da nosa asociación prepararon unha serie de xogos e xoguetes libres de pantallas, pilas e baterías, os xogos que divertían aos nosos pais e avós: buxainas, bolos, chapas, canicas….

E despois de xogar tocou merendar con castañas, pandeiretas e repichocas pois a xente máis maior animouse a cantar. En definitiva, unha xornada de contos, xogos, castañas e cantares que fixo as delicias de pequenos e maiores.

Prensa:
– La Voz de Galicia – “Marchando una de Magosto”
– Diario de Bergantiños – “Sábado de Magosto por la Costa da Morte”