DENUNCIA AO CONCELLO POR DEFICIENTE LIMPEZA DE RÚAS, PARQUES E XARDÍNS

A Asociación de Veciños e Socio-Cultural O Quinteiro de Buño quere denunciar publicamente a situación de descoido da maleza, limpeza e mantemento xeral dos espazos e vías públicas. Unha situación que pode definirse de total abandono e que causa problemas de salubridade, proliferación de pragas, dificulta os tránsitos e accesos, incrementa o risco de incendios no casco urbano e o risco de accidentes de tráfico; todo elo aparte de ofrecer unha imaxe deplorable e indigna da vila e do mesmo concello, máis aínda en época estival.

O pasado 21 de maio membros desta Xunta Directiva asistimos a unha reunión co Sr. Alcalde do Concello de Malpica de Bergantiños na cal se lle trasladou este problema, xa grave e urxente naquel momento; saimos co compromiso de que se faría unha limpeza xeral a finais de xuño. Pois ben, ata o momento tan só se fixo unha roza de dúas estradas secundarias.

De novo, o día 9 de xullo, rexistramos por sede electrónica do Concello de Malpica unha reportaxe fotográfica do lamentable estado da maleza e ornamento xeral dos espazos e vías públicas, sen que a día de hoxe tiveramos resposta algunha. Coa mesma solicitouse que se acometese unha limpeza urxente e un mantemento xeral con máis regularidade, e non soamente limitado a unha vez ao ano, petición que reiteramos pola presente publicamente.

Esta asociación ten como principal obxectivo defender os intereses dos seus asociados e dos veciños e veciñas de Buño, polo que a súa Directiva non vai aforrar esforzos á hora de esixir o que por dereito propio lle corresponde e de denunciar as carencias e agravios onde sexa necesario, ante calquera instancia, pública ou privada, e tan alto e claro como sexa preciso.

A continuación amósanse fotografías do estado do Parque Luciano García Alén, xardíns da praza, estradas, sumidoiros e outros espazos públicos. As imaxes falan por si soas e non precisan de máis comentario.

En Buño, 24 de xullo do 2024.

A XUNTA DIRECTIVA
Asociación de Veciños e Socio-Cultural O Quinteiro de Buño

PARQUE LUCIANO GARCÍA ALÉN

XARDÍNS PRAZA

SENDA PEONIL EN XAVIÑA

ARQUETAS E SUMIDOIROS

OUTROS LUGARES EN BUÑO