CARTA AO ALCALDE, DESPERFECTOS DO CAMIÑO DO RUEIRO

Sr. Alcade do Concello de Malpica de Bergantiños,

Nos últimos meses os nosos asociados e asociadas trasladáronnos unha preocupación que require de solución urxente por canto está a provocar daños persoais graves e a inutilización de facto dunha vía de recente pavimentación por parte do Concello de Malpica de Bergantiños. Trátase do mal estado do Camiño do Rueiro en Buño; ao principio do mesmo, no lado esquerdo en dirección baixada, hai uns mananciais de auga corrente e constante, os cales xa estaban antes de cumprimentar a obra de pavimentación, e que non foron canalizados en absoluto, tal e como requiriría unha actuación ben planificada. O resultado é que a auga encharca as lousas creando un verdín que fai a vía intransitable. Tanto é así que nos últimos días producíronse varios accidentes resultando en roturas de moneca e brazo en dúas veciñas.

Amósanse a continuación fotografías do estado do Camiño do Rueiro realizadas durante unha xornada seca e solleira:

Asemade do evidente e constatado perigo para a circulación das persoas, o correr da auga fai que o cemento que suxeita as lousas se deteriore rapidamente e estas se desprendan con facilidade. Mención aparte merece o tema dos puntos de luz, obxecto de vandalismo, cuestión que xa foi informada en reiteradas ocasións por vía telefónica a ese consistorio.

Por todo elo, esta Asociación Veciñal solicita ao Concello de Malpica de Bergantiños que tome urxentemente tódalas medidas  que considere oportunas para evitar máis accidentes, que canalice o manancial que encharca o camiño e que repare as lousas e puntos de luz.

En Buño, 04 de xuño do 2024.


Asdo: María Begoña Castro Souto
Presidenta da Asociación de Veciños O Quinteiro de Buño