LETRAS NO QUINTEIRO 24/05/2025

A Real Academia Galega acordou adicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificada en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Con esta elección a Academia recoñece a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade dende sempre.

É unha honra para o pobo de Buño o recoñecemento das nosas veciñas e unha ocasión perfecta para celebralo cunha tarde de música e contos o vindeiro 24 de maio no Ecomuseo Forno do Forte.

  • Evento: LETRAS NO QUINTEIRO.
  • Finalidade: celebrar o Día das Letras Galegas 2025
  • Data e Hora: 24/05/2025 ás 18:00 h.
  • Lugar: Ecomuseo Forno do Forte.
  • Xénero: música e contacontos.
  • Dirixido a: tódolos públicos e nenos en especial.
  • Prezo: de balde, acceso libre ata completar aforo.

Haberá servizo de bar.

PROGRAMA “LETRAS NO QUINTEIRO”

18:00 h. – “O Chintófano de Dorothé” de Sonsoles Penadique

Un chintófano, un trebello, un aparello. Música, algún conto, moita diversión e un magnetófono con botóns máxicos. Voltaremos a un pasado analóxico e máxico a través das músicas e experiencias atesouradas pola etnomusicóloga Dorothé Schubarth. Coñeceremos a súa persoa, os seus libros e ás informantes que tiveron a ben transmitirlle o seu saber sobre a cultura tradicional galega. Pero tranquilas! Non deixaremos atrás nin á Manxoliña, nin á Vella da Botella, nin ao tío Mateu, nin á ave sutil a comer no perexil.

20:00 h. – “Coa palabra na boca” de María da Pontraha

A través da palabra e a música de tradición oral percorreremos historias que falan da xente, do amor, da liberdade e da desobediencia, porque somos un pobo que discrepa e temos unha peculiar forma de enfrontrarnos á vida e á morte. Historias de disidencias cheas de heroínas que non existen nos libros e heroes sen nome. Historias de vida que beirean a morte e de mortos que volven a este mundo.