I FESTIVAL FOLK “O QUINTEIRO” – 08/08/2025

A música folk e tradicional é unha das señas de identidade da Comarca de Bergantiños; no Concello de Malpica latexa con forza grazas ás asociacións culturais, especialmente en Xornes, Cerqueda e Malpica. Os que xa peiteamos canas lembramos o Festival Celta de Leiloio como referente da efervescencia da música folk e celta que viviu este país a finais dos anos noventa.

Actualmente, na nosa zona non hai ningún festival folk consolidado polo que dende esta asociación pensamos que é o momento idóneo para organizar o I Festival Folk “O Quinteiro”, evento que esperamos teña boa aceptación e que, dende a ilusión e a humildade, chegue a ser un pequeno referente folk na comarca.

A ocasión tamén o merece porque o grupo local Fol de Veneno subirase aos escenarios por derradeira vez. Despidirán así máis de 25 anos de traxectoria levando o folklore bergantiñá por todo o país, ou eso nos queren facer crer….

CHURRASCADA POPULAR

Nada dá máis fame que bailar toda a noite, apúntate á churrascada popular. Prezo: 15 € adultos e 10 € os menores de 12 anos a pagar o día do festival. Menú: churrasco, pan e viño. Apúntate facendo click no botón:


A REQUINTA DA LAXEIRA

A Requinta da Laxeira vai de baranda, chunda, chunda, de aquí para acolá, unhas veces preto e outras máis lonxe… sempre con brincos, voltas, aleghría… fiel reflexo da savia nova. A Asociación Cultural San Campio é o berce e acubillo deste grupo que comeza a súa andaina alá polo ano 2004.

A comarca da Ulla e as súas xentes representan as sementes que fan agromar en cada unha das súas actuacións as músicas e os cantares dun tempo, e mailo imprescindible ¡arrecendo a festa rachada!

A requinta, instrumento característico desta zona e que tamén lle dá nome á formación, é a anfitriona de muiñeiras, pasodobres, xotas, rumbas… que convidan a botar unha baila tanto ó solto como ó agharradiño.

¡Viva a ghaita, as ghaiteiras e os ghaiteiros, viva a requinta, as requinteiras e os requinteiros, viva a festa e vivan as festeiras e os festeiros! ¡Aturuxos… foghetes ó aire… pum… pum… pum!

A Requinta da Laxeira…
¡VAI DE BARANDA!

FOL DE VENENO

Fol de Veneno somos un grupo con longa historia en Bergantiños. Herdeiro directo de grupos como Atalora, recuperamos a música tradicional da Costa da Morte, aportándolle un aire moderno, desenfadado, alegre e festexeiro a pezas que trasladan no tempo a romarías, ruadas, foliadas e pasarrúas.

Así foi como entramos na música tradicional, e queremos manter ese espíritu. Todas as nosas pezas invitan a bailar e a vivir a maxia da Costa da morte a todo aquel que está no campo do baile, en actuacións cheas de bo humor, risas e ganas de continuar de festa ata que o corpo aguante.

FAISCAS DA PONTRAGA

Fundado o 20 de xullo do ano 2002, tras a xuntanza de catro amigos para participaren nun concurso de cuartetos tradicionais. Esta primeira reunión deveu noutras, e permitiu a incorporación de novos integrantes e instrumentos até constituírmonos na murga ou charanga tradicional que hoxe somos.

En decembro do 2015 gravamos o noso primeiro traballo discográfico chamado VELAÍVÉN!!, que saíu á luz en abril do 2016 e que presentamos oficialmente o 25 de xuño do mesmo ano. Este disco gravouse co pretexto de seguir divulgando a cultura tradicional e sobre todo deixar constancia do noso traballo nun soporte que asegure a súa supervivencia co paso do tempo.

O noso segundo traballo discográfico gravouse en decembro do 2019, se ben a pandemia do covid-19 fixo que a súa presentación oficial se adiase ata abril do 2022. Este novo disco, chamado LONGARELA, honra a memoria de José Manuel Noya (Maradona), membro fundador do grupo. Nel combínanse pezas de autorerecollidas, tanto na Galicia como na diáspora.

Activiades parcialmente financiadas pola Deputación da Coruña (Rede Cutlural) e Concello de Malpica

Un comentario en “I FESTIVAL FOLK “O QUINTEIRO” – 08/08/2025

Os comentarios están pechados.