EXPOSICIÓN CINE GALICIA, UNHA RETROSPECTIVA Á MÁQUINA DOS SOÑOS

“Salón Galicia Cine”, aínda pode lerse na fachada do que foi o centro de ocio e cultural para toda a comarca, o Cine Galicia de Buño. O presente proxecto enmárcase nos obxectivos de recuperación de memoria histórica da Asociación de Veciños e Socio-Cultural O Quinteiro de Buño, é continuación do camiño comezado no 2024 coa exposición fotográfica “Buño na Memoria, as nosas festas”.

A construción do edificio data dos anos 30, nun estilo de arquitectura civil popular galega de mediados de século adaptada á tipoloxía de cine-teatro rural. O deseño do edificio, a modo dos grandes cines urbanos dos anos 40, nada tiña que envexar aos mellores cines de cidades como A Coruña ou Santiago. Debemos situarnos nun contexto no que a vila de Buño era un centro económico, social e cultural de gran importancia, con máis de 1000 habitantes censados, máis de 100 oleiros activos, as súas actividades anexas, Cerámicas el Progreso en plena actividade, e unha mocidade culturalmente moi activa; en definitiva, Buño era o centro da “movida” en Bergantiños.

Cunha fachada funcional e un interior clásico de cine antigo, en distribución típica (vestíbulo, taquilla, patio de butacas, galiñeiro e escenario) o Cine Galicia era o máis grande e monumental da comarca. Contaba con máis de 400 butacas móbiles que permitían converter o espazo en un salón de festas e un gran escenario que apto para a actuación das mellores orquestras e representacións teatrais. Estaba equipado con proxector analóxico de 35 mm, todo tipo de equipamento analóxico para o tratamento das películas e a mítica Radiola ao son da cal bailaba a mocidade antes dos filmes.

Fachada do Cine Galicia e o seu propietario nos últimos anos, Liso Sánchez. Foto Ana García, La Voz de Galicia
Fachada do Cine Galicia e o seu propietario nos últimos anos, Liso Sánchez. Foto Ana García, La Voz de Galicia

O Cine Galicia iniciou a súa actividade a mediados dos anos 40 coa proxección da primeira película “El Clavo (1944)” e non parou de traer entretemento, soños e ilusión ata o seu peche no ano 1978 (anque durante os 80 ainda fixo algunha proxección esporádica). Os títulos que máis gustaban eran os clásicos americanos tipo comedias, romances e melodramas (“Vacaciones en Roma”, “Por otro querer”, “Cumbres Borrascosas”, “La gata sobre el tejado de zinc”), tamén gustaban as históricas (“Androcles y el León”) e o cine español (“El Clavo”). Ademais era habitual a proxección do noticiario franquista NO-DO.

O Cine Galicia non só foi un cine, foi un salón de baile, unha sala de concertos un sublime teatro; foi, en definitiva, o centro de ocio e cultural da comarca de Bergantiños.

A xente maior de Buño lembra con incrible lucidez e cariño a Radiola, os bailes ao seu son, o ambigú, as veladas de teatro, as orquestras e grupos de música pop, o fervedoiro de xente na praza en días de festa, os bailes de Noitevella, a fiestra aberta ao mundo dos soños a xeito de filme. Incluso hai veciños que conservan lembranzas da época (fotos, libretos das películas, cartelería…). É así que este proxecto de recuperación de memoria histórica é pertinente, tamén tardío, porque moito material xa se perdeu; pero é pertinente e necesario, non se pode construír un futuro sen entender o pasado. Quizais se poida recuperar algún día este espazo?

O proxecto ten como obxectivo principal a recuperación da memoria histórica do que foi o centro de ocio e cultural máis importante da comarca, o Cine Galicia; ademais de ser unha oportunidade lúdica e de interacción interxeracional. Servirá tamén este proxecto para conformar un arquivo dixital de tódalas lembranzas que poidamos compilar e chamar a atención pública sobre a necesidade de conservar este tipo de inmobles históricos. O proxecto desenvolverase en 4 fases:

Comezaremos coa recollida de material o sábado día 28 de marzo no Ecomuseo Forno do Forte en horario de apertura. Facemos un chamamento a calquera que poida conservar fotografías, cartelería, noticias de xornais, libretos de películas para que se acerque con este tipo de material á oficina provisional que instalaremos. Dixitalizarémolo todo no mesmo momento (non nos quedamos co material aportado). Quizais non teñas ningún documento físico pero igual lembres algunha historia, conto ou anécdota relacionada co cine, tamén nos interesan moito.

Esta fase pode que se prolongue xa que o material fotográfico é escaso, quizais programemos unha segunda data para a dixitalización.

Co material gráfico, contos e anécdotas recollidos na fase anterior faremos unha escolla do seu interese histórico e calidade técnica para impresión en diferentes formatos e tamaños, hai que ter en conta que algunhas fotografías poden estar deterioradas e non reunir a calidade mínima para imprimir e expoñer.

Unha vez culminada a fase de escolla de material, impresión e deseño da exposición anunciaremos as datas da mesma e os actos paralelo. Entre outros eventos, organizaremos un coloquio no cal participarán tódolos veciños e asistentes coa idea de intercambiar historias, contos ou anécdotas que lembren sobre o Cine Galicia. 

A última fase será a redacción dunha memoria sobre a exposición e os actos paralelos. Colgarémola en formato pdf na web da asociación, e en caso de que houbese interese suficiente por parte do público, consideraremos imprimir unha pequena revista

Esperámoste, todos podemos participar, ben sexa aportando material, contos ou historias, vindo a visitar a exposición ou participando nos coloquios.

xentefacendopobo