ESTATUTOS

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS E SOCIO-CULTURAL O QUINTEIRO DE BUÑO

Decembro, 2023

CAPÍTULO I – DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1  –         Denominación e natureza

Coa denominación de “ASOCIACIÓN DE VECIÑOS SOCIO-CULTURAL O QUINTEIRO DE BUÑO”, constitúese unha organización de natureza asociativa veciñal e socio-cultural para lograr obxectivos de interese xeral, sen ánimo de lucro, aberta a tódolos residentes e non residentes no pobo de Buño (Malpica de Bergantiños) que compartan os fins contidos nestes Estatutos, ao amparo do disposto no artigo 22 da Constitución Española, na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación e demais lexislación aplicable.

Artigo 2  –         Personalidade e capacidade

A asociación constituída ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ao establecido no ordenamento xurídico.

Artigo 3  –         Domicilio

A asociación establece o seu domicilio social no local coñecido como O Teleclube de Buño, sito na rúa Santa Catalina, S/N, de Buño – C.P. 15111 do Concello de Malpica de Bergantiños.

Artigo 4  –         Ámbito de actuación

O ámbito territorial no que a asociación vai a desenvolver principalmente as súas actividades é o pobo de Buño, no Concello de Malpica de Bergantiños, provincia de A Coruña.

Artigo 5  –         Duración

A asociación constitúese por tempo indefinido e rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 6  –         Fins

1. Son fins principais da asociación:

  1. Defensa dos intereses xerais dos veciños, como usuarios e destinatarios finais da actividade urbanística, cultural, deportiva, educativa, sanitaria, habitacional, social, económica, de consumo e de participación en materias de interese xeral do pobo, promovendo as medidas participativas máis adecuadas.
  2. Informar e apoiar aos veciños en tódalas cuestións que afecten aos seus intereses xerais.
  3. Promover o asociacionismo entre os veciños e colaboración con outras asociacións para incentivar tamén os fins desas asociacións que se consideren de interese xeral do pobo, como son as asociacións deportivas, profesionais, de artesáns, de comerciantes, comunidade de augas, etc.
  4. Promover a xestión e aproveitamento dos bens inmobles públicos e privados, en especial aqueles en situación de abandono.
  5. Vixiar e esixir que as administracións públicas, no seu respectivo ámbito de competencias, cumpran escrupulosamente coa súa obriga de promover e facilitar o desenvolvemento das asociacións, federacións, confederacións e sindicatos que persigan o interese xeral.
  6. Esixir ás administracións públicas, no seu respectivo ámbito de competencias, o cumprimento dos dereitos recoñecidos pola Lei orgánica 1/2002, a súa normativa de desenvolvemento e a normativa municipal, para:
  7. Recibir información directa sobre asuntos de interese común.
  8. Participar en subvencións públicas para o desenvolvemento de proxectos e actividades.
  9. Establecer convenios de colaboración en programas de interese xeral.
  10. Ser declarado de utilidade pública.
  11. Intervir en tódolos ámbitos da administración pública para defender os intereses xerais dos veciños.
  12. Utilizar os medios públicos (locais, salas de reunións, centros sociais, radios, etc.) para exercer as súas funcións de representación e defensa dos intereses dos veciños.
  13. Exercer o dereito á iniciativa popular.
  14. Ser oídos nos plenos e comisións municipais sobre asuntos que afecten de xeito particular ou xeral aos veciños do seu ámbito territorial.

2. Para levar a cabo os seus fins, a asociación poderá organizar as seguintes actividades (a título enunciativo):

  1. Organización de todo tipo de actividades culturais, tales como (a modo enunciativo): festas patronais, festas populares, festas gastronómicas, festivais de artes escénicas, organización e impartición de cursos, conferencias, simposios, organización de exposicións, publicación de revistas, libros ou material audiovisual de promoción do pobo de Buño, a súa memoria e sinais de identidade.
  2. Organización de todo tipo de actividades deportivas en especial aquelas que busquen a colaboración coas asociacións deportivas do pobo.
  3. Organización de todo tipo de actividades relacionadas coa artesanía, en especial aquelas que busquen a colaboración coa Asociación Oleira de Buño para a promoción da Olería de Buño.
  4. Organización e promoción de actividades que incentiven o emprendemento e actividade empresarial no pobo de Buño e zona de influencia.
  5. Promover unha bolsa de terras e inmobles dispoñibles para a venta ou arrendamento que non están a ser debidamente aproveitados.
  6. Promover negociacións colectivas con subministradores de bens e servizos para a veciñanza.
  7. Promover consultas á veciñanza e/ou asociados/as relativas aos intereses particulares de cada un/ha e intereses xerais do pobo
  8. Manter contactos regulares co Concello de Malpica, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e outras institucións públicas para facer solicitudes encamiñadas ao cumprimento dos fins enumerados.

Para o logro completo dos fins enumerados a asociación poderá asignar vogalías, seccións, comisións, departamentos de asesoramento, de información e servizo –internos ou externos- na medida necesaria.

Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

CAPÍTULO II – DAS PERSOAS ASOCIADAS

Artigo 7  –         Requisitos

Para adquirir a condición de persoa asociada

  1. Requírese ser persoa física ou xurídica, residente ou non no pobo de Buño, que teñan interese no desenvolvemento dos fins da asociación.
  2.  Requírese ter pagada a cota de inscrición vixente en cada momento ademais poderá solicitarse o pago das derramas ou cotas extraordinarias que tivesen pagadas as persoas asociadas durante os últimos doce (12) meses anteriores á solicitude de alta de socio. Por decisión motivada da Xunta Directiva poderá eximirse do pago das referidas derramas ou cotas extraordinarias cando as actuacións que financiaron xa se realizasen; tamén poderá ampliarse o prazo dos doce (12) meses cando a derrama ou cota extraordinaria financiase inversións en inmobilizado.

Eximirase deste requisito ás persoas asociadas de honra.

  • As persoas físicas deben ser maiores de idade ou menores emancipadas con capacidade de obrar e non estar suxeitas a inhabilitación ou condición legal para o exercicio do dereito.
  • As persoas menores, de máis de 14 anos e non emancipadas necesitan o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa capacidade.
  • As persoas xurídicas requirirán o acordo expreso do seu órgano competente, e as de natureza institucional, o acordo do seu órgano reitor.

A Xunta Directiva está obrigada a inscribir no libro de socios a quen reúna os requisitos anteriores. A denegación da admisión deberá estar debidamente motivada pola Xunta Directiva e o/a aspirante desestimado/a poderá presentar a súa reclamación na próxima Asemblea Xeral, que decidirá sobre a súa inscrición como asociado/a.

Artigo 8  –         Clases de persoas asociadas

Dentro da asociación poderán existir as seguintes clases de persoas asociadas:

  1. Fundadoras, aquelas que subscribiron a acta fundacional.
  2. De número, aquelas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
  3. De honra, aquelas que, polos seus méritos persoais ou profesionais ou por ter contribuído de xeito relevante ao desenvolvemento da asociación ou do pobo de Buño, sexan nomeadas pola Asemblea Xeral. Non disporán dos dereitos nin están suxeitos/as ás obrigas de resto das persoas asociadas pero poderán participar nas Asembleas con voz pero sen voto.

Simpatizante ou amigo/a da Asociación: por acordo da Xunta Directiva poderase prever estas dúas figuras asociativas. En calquera caso, diferenciaranse das persoas asociadas fundadoras, de número ou honra en que non terán a condición de persoa asociado/a, non terán a obriga do pago da cota anual, derramas ou cotas extraordinarias, non terán dereito de voto na Asemblea Xeral e non poderán formar parte da Xunta Directiva. Regulamentariamente ou por acordo da Xunta Directiva poderá desenrolarse a figura do/a simpatizante ou amigo/a da asociación.

Artigo 9  –         Perda da condición de persoa asociada

1. A condición de persoa asociada pérdese:

  1. Por vontade propia, que se fará efectiva mediante presentación de renuncia, por escrito ante a Xunta Directiva e dirixida a secretaría da asociación. A renuncia terá efectos desde a data da súa presentación.
  2. Por falta de pagamento dunha (1) cota anual ordinaria ou unha (1) cota ou derrama extraordinaria dende trinta (30) días despois á súa esixibilidade, que será efectiva dende o prazo que se lle notifique no acordo adoptado pola Xunta Directiva, á persoa interesada. A notificación da perda da condición de persoa asociada poderá ser comunicada vía correo electrónico con acuse de recibo ou outro medio que acredite a súa recepción.

A persoa que perdese a súa condición de asociada polo suposto sinalado no apartado anterior, poderá ser rehabilitada na súa condición de asociada, se no prazo de tres meses desde a notificación da perda da condición de asociado abonase as cotas ou derramas pendentes de pago.

  • Por incumprimento dos presentes estatutos, do regulamento que os desenrole, ou dos acordos validamente adoptados polos órganos da asociación, así como pola realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación.
  • Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.

2.- A expulsión de persoas asociadas nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia da persoa interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral extraordinaria, previa reclamación do interesado, e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.

A persoa expulsada poderá presentar a súa reclamación na próxima Asemblea Xeral, que decidirá sobre a súa inscrición como asociado/a. Salvo no primeiro caso, o acordo de expulsión acordado pola Xunta Directiva quedará suspendido se o/a asociado/a manifesta, dentro dos trinta (30) días seguintes á notificación, a súa vontade de ser oído na seguinte Asemblea Xeral que ratificará ou anulará o acordo de expulsión. .

Artigo 10  –      Dereitos

1. As persoas asociadas teñen os seguintes dereitos:

  1. Participar nas actividades da asociación.
  2. Ser electoras e elixibles para os cargos de representación.
  3. Participar nas Asembleas con voz e voto.
  4. Recibir información da composición dos órganos de representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
  5. Acceder á documentación da asociación a través dos órganos de representación.
  6. Ser oídas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas e ser informadas dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
  7. Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou ós Estatutos.

2. Non poderán exercer o dereito de sufraxio activo e pasivo as persoas asociadas que non estean ao día no pagamento das cotas sociais ou das derramas segundo o disposto no artigo 7.2 destes Estatutos.

3. As persoas asociadas de honra non intervirán na dirección da asociación nin nos órganos de representación desta; poderán asistir ás asembleas con voz, pero sen voto; e estarán exentas de obrigas.

4. Menores de 15 a 17 anos: non terán ningunha limitación destes dereitos sempre e cando a súa condición de asociado/a fose consentida por escrito polo/a titor/a legal e non veñan limitados pola lei ou outras disposicións legais.

5. Menores de 15 anos: por acordo da Asamblea Xeral poderá limitarse o acceso aos dereitos deste artigo no referido ao voto nas Asambleas e acceso a cargos de representación (Xunta Directiva e outros), acceso a documentación ou impugnación de acordos dos órganos da asociación.

Artigo 11  –      Obrigas

Son obrigas das persoas asociadas:

  1. Cumprir os presentes estatutos, co regulamento que os desenrole, e os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.
  2. Compartir as finalidades da Asociación e colaborar para a consecución das mesmas.
  3. Pagar as cotas e derramas que de conformidade cos Estatutos e regulamento que os desenrole, se establezan.
  4. Desempeñar as obrigas inherentes aos cargos para as que foron elixidas.
  5. Respectar e cumprir os acordos adoptados polos órganos de goberno e representación

CAPÍTULO III – DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 12  –      Organización da asociación

O órgano supremo de goberno da asociación é a Asemblea Xeral e o órgano de representación é a Xunta Directiva, que adoptarán os seus acordos de conformidade co principio maioritario ou de democracia interna.

Os membros dos órganos de representación non recibirán retribución algunha polo desenrolo do seu cargo.

Artigo 13  –      Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da asociación e está integrada por todas as persoas asociadas, adoptará os seus acordos polo principio de democracia interna e deberá reunirse, ao menos, unha vez ao ano na Asemblea Xeral Ordinaria na cal se aprobarán as Contas Anuais do exercicio anterior.

Artigo 14  –      Reunións da Asemblea Xeral: clases e convocatoria

1. As reunións da Asemblea Xeral poden ser ordinarias ou extraordinarias.

A reunión ordinaria celebrarase como mínimo unha vez o ano dentro dos catro (4) meses seguintes ao peche do exercicio económico.

As reunións extraordinarias celebraranse cando as circunstancias o aconsellen, cantas veces o acorde a Xunta Directiva ou cando o soliciten por escrito un número de asociados non inferior  ao 20%.[1] 

2. As convocatorias realizaranse por escrito sinalando o lugar, día e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a publicación ou notificación da convocatoria e a data da celebración da Asemblea en primeira convocatoria debe mediar como mínimo un prazo de quince (15) días naturais.

Método de notificación da convocatoria: as Asembleas quedarán validamente convocadas mediante cartel colgado no domicilio da Asociación visible á rúa e con envío de correo electrónico a aqueles/as asociado/as que cedesen a súa dirección a tal fin. O cómputo dos quince (15) días entre convocatoria e á Asemblea referido no parágrafo anterior comezará a contar dende a data máis tardía: na que se colgue o cartel ou o envío do correo electrónico de convocatoria.

Ademais dos métodos anteriores e, de xeito complementario, tamén se poderá notificar a Asemblea mediante anuncios en prensa e radio, cartelería en bares, restaurantes ou outros lugares públicos do pobo de Buño e incluso na web, redes sociais.

En ningún caso será obrigatorio notificar aos/ás simpatizantes ou amigos/as da Asociación previstos no artigo 8.

3. Cando así se prevea na convocatoria, poderá limitarse o acceso á Asemblea aos asociados/as, non incluíndo así aos/as simpatizantes ou amigos/as da asociación previstos no artigo 8.

4. A documentación e información sobre as materias incluídas na orde do día, deberán enviarse vía correo electrónico xunto coa convocatoria da Asemblea. Ademais, para aqueles asociados que non autorizasen as notificacións vía correo electrónico, indicarase na convocatoria un teléfono de algún membro da Xunta Directiva, ou persoa asociada na que se delegue, para a entrega en man da documentación e información relacionada.

En ningún caso será obrigatorio poñer esta documentación e información a disposición dos/as simpatizantes ou amigos/as da Asociación previstos no artigo 8.

Artigo 15  –      Constitución e quórum de convocatoria

As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas sempre que concorran un terzo das persoas asociadas, en persoa ou representadas, na primeira convocatoria ou, transcorrida media hora, en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes con dereito a voto.

As Asembleas serán presididas polo/a Presidente/a da Xunta Directiva, na súa ausencia, polo/a Vicepresidente[2] /a ou, en ausencia de ambos, quen escolla a mesma Asemblea. De igual modo, a Secretaría será asumida polo/a Secretario/a da Xunta Directiva, Vicesecretario/a, en ausencia do primeiro, ou, en ausencia de ambos, a persoa quen escolla a mesma Asemblea.

A Asemblea Xeral poderase convocar, constituír, celebrar as súas sesións e adoptar acordos de forma presencial ou a distancia.

Nas sesións que se celebren a distancia, as persoas participantes poderán encontrarse en distintos lugares sempre que se asegure por medios electrónicos, considerándose como tales os telefónicos e audiovisuais, a súa identidade, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre elas en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

Admitirase tamén a celebración de Asembleas presenciais con intervención de asistentes a distancia, cando así se indique na convocatoria ou así o acorde a mesma Asemblea no momento de constituírse.

Nas reunión a distancia, os acordos entenderanse adoptados na sede da asociación.

Artigo 16  –      Facultades da Asemblea Xeral ordinaria

Serán competencias da a Asemblea Xeral ordinaria:

  1. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
  2. Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio, e o plan de actividades.
  3. Examinar e aprobar as cotas ordinarias, extraordinarias e derramas das persoas asociadas, a proposta da Xunta Directiva.
  4. Elixir e cesar as persoas integrantes da Xunta Directiva.
  5. Aprobar a incorporación ou separación a unha federación.
  6. Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.
  7. Aprobar o regulamento de réxime interno da asociación.

Artigo 17  –      Facultades da Asemblea Xeral extraordinaria

Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:

  1. Modificar os estatutos da asociación, incluído o cambio de domicilio.
  2. Acordar a transformación da asociación.
  3. Acordar a fusión da asociación.
  4. Acordar a disolución da asociación e designar as persoas liquidadoras.
  5. As que sendo competencia da Asemblea Xeral ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súa convocatoria.
  6. Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou a Xunta Directiva.

Artigo 18  –      Adopción de acordos

1. Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables a estes efectos os votos nulos, en branco nin as abstencións.

2. Será necesaria a maioría absoluta dos votos emitidos, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade das persoas presentes ou representadas, para adoptar os seguintes acordos:

  1. Designación de membros da Xunta Directiva
  2. Acordo para constituír federacións e para integrarse ou separarse delas
  3. Disolución da asociación.
  4. Modificación dos estatutos, incluído o cambio de domicilio social.
  5. Disposición ou alleamento de bens.
  6. Remuneración das persoas que integran os órganos de representación.

3. Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a todas as persoas asociadas, incluso as non asistentes.

4. Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral e a Xunta Directiva incorporaranse a un libro de actas que se levará na Asociación, as actas deberán ser asinadas polo/a Presidente/a e polo/a Secretario/a.

Artigo 19  –      A Xunta Directiva: composición

1. A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral.

Estará formada por:

  • Presidente/a,
  • Vicepresidente/a,
  • Secretario/a,
  • Tesoureiro/a
  • Vogais (mínimo 1 e máximo 3)

Designados pola Asemblea Xeral en pleno uso dos seus dereitos civís que non estean incursas en motivos de incompatibilidade legalmente establecidos

2. A duración do seu mandato será de catro (4) anos, podendo ser obxecto de sucesivas reeleccións.

3. Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito ao reembolso dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación.

4. Os cargos da Xunta Directiva cesarán na súa función por:

a) Morte ou declaración de falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica

b) Incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido no ordenamento xurídico

c) Resolución xudicial.

d)  Renuncia voluntaria.

e) Perda da condición de persoa asociada.

f)   Incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas.

g) Transcurso do período do seu mandato. Neste caso e en tanto non se proceda á elección da nova Xunta Directiva, aquela continuará en funcións ata a designación das novas persoas titulares.

5. De producirse vacantes na Xunta Directiva, estas serán desempeñadas provisoriamente polas restantes persoas integrantes, ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral. En ningún caso unha mesma persoa integrante da Xunta Directiva poderá emitir dous votos

Artigo 20  –      Xunta Directiva: Reunións e acordos

1. A Xunta Directiva será convocada pola Presidencia, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.

A convocatoria será válida cando se realice mediante correo electrónico dirixido ao resto de membros da asociación con acuse de recibo. Alternativamente, tamén será válida a convocatoria telefonicamente con envío dunha mensaxe de texto a cada membro da Xunta Directiva mediante servizo de mensaxería instantánea (ben sexa de modo individual ou en grupo colectivo). A convocatoria deberá realizarse con unha antelación mínima de sete (7) días naturais a contar dende o día seguinte ao envío do correo electrónico ou mensaxe telefónica. En caso de urxencia debidamente motivada poderá reducirse a convocatoria corenta oito (48) horas antes da reunión. Nos casos de convocatorias urxentes promoverase especialmente a reunión a distancia segundo se desenrola máis adiante.

       Para a efectiva notificación das convocatorias de xuntas e outros asuntos competencia da Xunta Directiva os integrantes da mesma estarán obrigados a comunicar un correo electrónico e un número de teléfono móbil vixentes á Secretaría da Asociación. Así mesmo, tamén comunicarán calquera cambio que se produza dos datos de contacto anteriores.

Poderase prescindir de convocatoria previa que se substituíra por unha convocatoria espontánea no mesmo momento de celebración cando estean presentes o cen por cento (100%) dos membros da Xunta Directiva con dereito a voto e así o acorden.

2. Para estar validamente constituída deberán estar presentes, a metade máis un dos seus membros e, en todo caso, as persoas titulares da presidencia e a secretaría ou as persoas que as substitúan.

3. Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría simple de votos das asistentes. Os empates serán dirimidos mediante voto de calidade da Presidencia.

4. A Xunta Directiva poderase convocar, constituír, celebrar as súas sesións e adoptar acordos de forma presencial ou a distancia.

Nas sesións que se celebren a distancia, as persoas titulares da Xunta Directiva poderán encontrarse en distintos lugares sempre que se asegure por medios electrónicos, considerándose como tales os telefónicos e audiovisuais, a súa identidade, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre elas en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

Admitirase tamén a celebración de Asembleas presenciais con intervención de asistentes a distancia, cando así se indique na convocatoria ou así o acorde a mesma Asemblea no momento de constituírse.

Nas reunión a distancia, os acordos entenderanse adoptados na sede da asociación.

Artigo 21  –      Facultades da Xunta Directiva

A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:

  1. Programar e dirixir as actividades asociativas
  2. Levar a xestión administrativa e económica da asociación.
  3. Executar os acordos da asemblea.
  4. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
  5. Convocar e fixar as datas e orde do día das asembleas.
  6. Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para as persoas asociadas.
  7. Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
  8. Ditar normas interiores de organización sempre que respecten estes Estatutos e o seu regulamento e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
  9. Resolver as solicitudes de ingreso das persoas asociadas.
  10. Propoñer o plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
  11. Contratar ao persoal que consideren convinte segundo se dispón nestes Estatutos.
  12. Custodiar os libros e documentos da asociación.
  13. Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.

Artigo 22  –      Obrigas documentais

A asociación disporá dos seguintes documentos, que estarán a disposición de todas as persoas asociadas:

  1. Unha relación actualizada de persoas asociadas.
  2. Documentación contable que permitan obter a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade, así como das actividades realizadas. Tal contabilidade levarase de conformidade coa normativa específica que resulte de aplicación.
  3. Inventario dos seus bens.
  4. Libro de actas das reunións dos seus órganos de goberno e representación.

As persoas asociadas poderán acceder á documentación anterior mediante solicitude á Secretaría da Xunta Directiva por correo electrónico ou teléfono con unha antelación mínima de sete (7) días. En calquera caso a documentación económica a disposición das persoas asociadas será sempre a correspondente ás últimas contas aprobadas pola Asemblea Xeral ou anteriores.

As Contas Anuais da asociación serán aprobadas anualmente pola Asemblea Xeral.

Artigo 23  –      Presidente/a

  1. A persoa titular da presidencia terá as seguintes atribucións:
  2. Representar legalmente á asociación perante calquera organismo público ou privado.
  3. Convocar e presidir as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade os casos de empate de votos.
  4. Ordenar a execución dos acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
  5. Ordenar os pagamentos acordados validamente.
  6. Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación.[3] 
  7. Por delegación ou autorización do Xunta Directiva, asinar contratos, outorgar poderes a terceiros, interpoñer recursos administrativos, exercer accións ante a xurisdición ordinaria e opoñerse a reclamacións ou demandas.

En calquer caso, os contratos de endebedamento por créditos ou préstamos ou as compras a crédito por parte de provedores de bens ou servizos por máis de tres mil (3.000) euros deberán ser autorizadas e asinadas polo resto da Xunta Directiva. De igual xeito, cando unha nova operación de endebedamento, por si, ou de xeito acumudado co resto de endebedamento, á data de sinatura, supere os dez mil (10.000) euros deberá ser autorizada pola Asemblea Xeral. Igualmente se autorizará por fraccións de cada tres mil (3.000) ou dez mil (10.000) euros a maiores da primeira respectivamente, en cada caso.

  • Adoptar todas as medidas que se consideren urxentes e necesarias para o mellor goberno e administración da Asociación, dando conta á seguinte Xunta Directiva.
  • Cando o/a Presidente/a non poida, por calquera causa debidamente motivada, desenvolver calquera atribución do seu cargo, delegará a/s mesma/s no Vicepresidente/a. A delegación será automática pero o/a Presidente comunicará tal circunstancia á Xunta Directiva á maior brevidade posible.

Artigo 24  –      Vicepresidente/a

A persoa titular da vicepresidencia realizará as funcións da presidencia nos casos de ausencia ou enfermidade, podendo tamén actuar en representación da asociación nos supostos de ausencia debidamente xustificada do/a Presidente/a, cando este delegue por escrito para cada acto de firma en concreto (sen que servan delegacións xenéricas) e cando así se acorde pola Xunta Directiva ou pola Asemblea Xeral[4] .

O/A Vicepresidente/a poderá asistir e votar[5]  nas reunións da Xunta Directiva aínda cando estea presente o/a Presidente/a. En ningún caso unha mesma persoa integrante da Xunta Directiva poderá emitir dous votos nunha mesma votación aínda cando ostente a representación ou delegación doutro membro da Xunta.

Artigo 25  –      Secretario/a

1. A persoa titular da secretaría terá as seguintes atribucións:

  1. Tramitar as solicitudes de ingreso na asociación e formalizar as inscricións de altas e baixas das persoas asociadas.
  2. Dirixir as actividades sociais  e a administración da asociación.
  3. Formalizar as convocatorias de reunión por orde da presidencia e redactar as actas correspondentes
  4. Expedir certificacións dos acordos co visto e prace da presidencia, así como emitir informes.
  5. Redactar o inventario de bens da asociación.
  6. Custodia  do arquivo de libros e documentos da asociación.
  7. Cumprir coas demais obrigas documentais nos termos que legalmente corresponda asegurándose de que se cumpran tódalas obrigas contables e fiscais da asociación.

2. A persoa titular da secretaría, nos casos de ausencia ou enfermidade, será substituída por outro membro da Xunta Directiva designado pola Presidencia sen prexuízo do disposto no seguinte apartado.

3. O Secretario/a poderá delegar calquera das súas atribucións a calquera membro ou membros da Xunta Directiva cando así acorde a mesma. Tamén poderá delegar calquera das súas atribucións cando requiran urxencia sempre que concorran motivos familiares, profesionais ou de saúde que lle impidan desenvolvelas coa axilidade necesaria. En calquera caso a delegación urxente será comunicada á presidencia á maior brevidade posible e por escrito (correo electrónico ou mensaxería instantánea). Ademais, esta delegación comunicarase na próxima Xunta Directiva ao resto de membros da mesma e na próxima Asemblea Xeral cando a delegación sexa por un ano ao máis.

Artigo 26  –      Tesoureiro/a

1. A persoa titular da tesoureríaterá as seguintes atribucións:

  1. Recadar e custodiar os fondos pertencentes á asociación, custodialos e investilos na forma acordada pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
  2. Intervir coa súa sinatura[6]  todos os documentos de cobros e pagos co visto e conforme da presidencia. En calquera caso a sinatura de cobros e pagos desenrolarase de xeito solidario polo/a Presidente/a ou o/a Tesoureiro/a.
  3. Dar cumprimento ás ordes de pagamento que expida a presidencia.
  4. Elaboración do anteproxecto de orzamentos para a súa aprobación.
  5. Levar os libros de contabilidade da asociación e elaborar as contas anuais para a súa aprobación pola asemblea.
  6. Calquera outras funcións propias de tesourería como a responsabilidade da xestión económico financeira da asociación.[7] 

2. A persoa titular da secretaría, nos casos de ausencia ou enfermidade, será substituída por outro membro da Xunta Directiva designado pola Presidencia sen prexuízo do disposto no seguinte apartado

3. O Tesoureiro/a poderá delegar calquera das súas atribucións a calquera membro ou membros da Xunta Directiva cando así acorde a mesma. Tamén poderá delegar calquera das súas atribucións cando requiran urxencia sempre que concorran motivos familiares, profesionais ou de saúde que lle impidan desenvolvelas coa axilidade necesaria. En calquera caso a delegación urxente será comunicada á presidencia á maior brevidade posible e por escrito (correo electrónico ou mensaxería instantánea). Ademais, esta delegación comunicarase na próxima Xunta Directiva ao resto de membros da mesma e na próxima Asemblea Xeral cando a delegación sexa por un ano ao máis.

Artigo 27  –      Vogais

Terán as obrigas propias do seu cargo, e aqueloutras que lles sexan encomendadas pola Xunta Directiva, tales como realizar programas e estudos con carácter xeral ou en áreas de actuación determinadas ou servir de apoio a calquera outro membro da Xunta Directiva.

CAPÍTULO IV – RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 28  –      Patrimonio inicial

A asociación no momento de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio de [8] 500[9] ,00 euros (cincocentos euros). O peche do exercicio económico coincidirá co ano natural, e terá lugar o día 31 de decembro de cada ano.

Artigo 29  –      Recursos económicos

A asociación manterase dos seguintes recursos:

  1. As cotas periódicas das persoas asociadas.
  2. As cotas extraordinarias ou derramas que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea Xeral.

Cando, por motivos de operatividade ou urxencia se precisen fondos superiores aos dispoñibles, a Xunta Directiva poderá acordar cotas extraordinarias ou derramas por parte de un/ha ou varios/as asociados/as.[10] 

  • As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
  • Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
  • Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.
  • Financiación allea por parte dos asociados, provedores de bens ou servizos ou entidades de crédito.
  • Cando, por motivos de operatividade ou urxencia se precisen fondos superiores aos dispoñibles a Xunta Directiva poderá acordar a aceptación de aportacións de créditos por parte de un/ha ou varios/as asociados/as. En ningún caso se remunerará a cesión de capitais por parte de asociados/as.

Artigo 30  –      Contas Anuais

1. Anualmente, con referencia ao ultimo día do último exercicio económico pechado, elaboraranse as Contas Anuais, expresivas da situación patrimonial e contable da asociación, así como unha memoria das actividades realizadas. Esta documentación estará a disposición das persoas asociadas, durante un prazo non inferior a quince (15) días ao sinalado para a súa aprobación en Asemblea.

2. A Xunta Directiva levará os correspondentes libros de contabilidade, que permitan obter unha imaxe fiel do patrimonio, o resultado e a situación financeira da asociación.

Artigo 31  –      Contratación con persoas asociadas, vinculadas e veciñanza

A asociación primará a adquisición de bens e servizos cos seguintes subministradores (por orde de preferencia):

  1. Asociados/as residentes no pobo de Buño e que desenrolen unha actividade económica e/ou profesional de alta no correspondente epígrafe do Imposto de Actividades Económicas.
  2. Asociados/as non residentes no pobo de Buño.
  3. Veciños/as de Buño.
  4. Non incluídos nos colectivos anteriores.

Esta orde de preferencia aplicarase para bens e servizos obxectivamente comparables dende o punto técnico, cualitativo e cuantitativo, en ningún caso se compararán expresións artísticas, artesanais ou análogas.

Esta preferencia non se aplicará cando o orzamento a avaliar sexa un quince por cento (15%) superior á media aritmética de outros dous orzamentos presentados en prazo.

As compras ou contratacións por importe superior aos cinco mil euros (5.000 €) deberán ser aprobadas pola Xunta Directiva e as superiores a dez mil euros (10.000 €) deberán ser aprobadas pola Asemblea Xeral. Estes importes entenderanse en cómputo anual e para un mesmo subministrador de bens ou servizos e sen IVE incluída.

Artigo 32  –      Destino de ingresos a fins da asociación

Como entidade sen ánimo de lucro, os beneficios obtidos derivados do exercicio de actividades económicas, incluídas as prestacións de servizos, destinaranse exclusivamente ao cumprimento dos fins da asociación. En ningún caso, estes beneficios poderán ser repartidos entre as persoas asociadas ou calquera outra persoa física ou xurídica con interese lucrativo.

CAPÍTULO V – DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 33  –      Regulamento de réxime interno

Por acordo da Asemblea Xeral pode aprobarse un regulamento de réxime interno, que desenvolverá aquelas materias contempladas ou non directamente nestes estatutos.

O funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

CAPÍTULO VI – DISOLUCIÓN E LIQUIDACIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 34  –      Disolución

A asociación disolverase polas seguintes causas:

  1. Por acordo adoptado por maioría cualificada en Asemblea Xeral Extraordinaria.
  2. Polas causas que se determinan no art. 39 do Código Civil.
  3. Por sentenza xudicial firme.
  4. Polas demais causas que se determinen nos presentes estatutos.

Artigo 35  –      Liquidación

1.  Acordada a disolución da asociación, ábrese o período de liquidación, ata o fin do cal a entidade conservará a súa personalidade xurídica.

2.  As persoas membros da Xunta Directiva no momento da disolución convértense en liquidadoras, salvo designación expresa de liquidadoras pola Asemblea Xeral ou por autoridade competente.

3.  Corresponde as persoas liquidadoras:

  1. Velar pola integridade do patrimonio da asociación.
  2. Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.
  3. Cobrar os créditos da Asociación.
  4. Liquidar o patrimonio e pagar as persoas acredoras.
  5. Destinar o haber resultante da liquidación aos fins previstos no acordo de disolución ou nos estatutos, que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa.
  6. Solicitar a baixa da asociación e cancelación de asentos rexistrais.

4.  Á solicitude de inscrición da disolución da asociación no rexistro acompañarase do xustificante acreditativo do destino dos bens resultantes da liquidación.

CAPÍTULO VII – SECCIÓNS, DEPARTAMENTOS, COMISIÓNS

Artigo 36  –      Seccións, departamentos e comisións.

  1. Mediante acordo da Asemblea Xeral, a asociación poderá constituír seccións, departamentos ou comisións dedicadas a materias ou actividades específicas comprendidas nos fins da asociación, tales como: deportivas, recreativas, culturais,  asistenciais ou xuvenís, coa fin de establecer grupos especializados nas distintas actividades da asociación.
  2. As persoas asociadas interesadas presentarán á Asemblea Xeral da Asociación para a súa aprobación unha solicitude da súa constitución, xunto cunha lista dos membros interesados en formar parte dela.
  3. A sección, departamento ou comisión, como tales, carecen de personalidade  xurídica.

Artigo 37  –      Comisión de Festas

Constitúese a Comisión de Festas da asociación que terá atribuída de xeito non exclusivo a organización de festas patronais e actividades paralelas, concertos ou festivais de calquera tipo cando estas atribucións non se deleguen en outra comisión ou persoas asociadas por acordo da Xunta Directiva.

A Comisión de Festas actuará con independencia na escolla dos artistas participantes e calquera outra actividade das festas, concertos ou festivais que organice. Non obstante estará suxeita ao cumprimento deste Estatuto e o seu regulamento e das instrucións emanadas do Secretario/a e Tesoureiro/a en canto a xestión dos ingresos e gastos propios da actividade e a xestión da documentación xustificativa dos mesmos.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos se aplicará a Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación e demais disposicións complementarias..

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

As cifras en euros contidas nestes estatutos serán actualizables polo Índice de Prezos ao Consumo acumulado cada trienio completo dende o mes e ano de aprobación dos mesmos.

En Buño, a 3 de decembro do 2023.

Sinatura de todas as persoas promotoras da asociación